Tuesday 14 de May de 2024

O local social do Pereiro, en Moeche, contará en breve cun sistema de calefacción máis aforrador, eficiente e sostible


O FEDER financia a través do INEGA a instalación dunha caldeira de biomasa

Desde que a antiga escola do Pereiro, en San Xurxo, deixara de ser centro de ensino, o Concello fixo varias melloras da súa habitabilidade para darlle unha segunda vida como local social. Porén, aínda quedaba pendente unha e fundamental: a calefacción. Ata o momento o espazo caldeábase con estufas eléctricas que elevaban considerablemente a factura da luz e que, ademais, eran pouco eficientes. Buscando unha solución a longo prazo, o Executivo local presentou á convocatoria anual de axudas do INEGA un proxecto para instalar unha caldeira de biomasa e dotar o baixo do local -a parte do inmoble que máis se usa- coas correspondentes conducións de aire quente. O investimento ascende a 9.228,25€ dos que o Concello asume o 68,6%, mentres que o INEGA achega o 31,4% restante -2.904 euros sen ive- con cartos procedentes do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional “Unha maneira de facer Europa”.

A actuación atende a unha demanda veciñal e tamén a necesidades de conservación do edificio. De feito, a antiga escola é centro de actividades e reunións empregado habitualmente polas asociacións Val de Moeche e Irmandiños, que botaban man de radiadores para facer máis levadeiro o frío do outono-inverno. Unha solución cara de manter aos prezos que vai a luz e tamén pouco efectiva, dado que alcanzar unha temperatura axeitada era case imposible malia darlle a tope aos termostatos, co incremento de consumo que iso supón.

A falta de calefacción tamén ten como efecto secundario que a humidade campe ás súas anchas, ameazando as paredes, o material e o mobiliario que se garda no local e incluso creando un ambiente, cando menos, pouco agradable para pasar unha tarde de invernía.

Desde o Concello tíñase claro que se precisaba amañar o problema e a opción que se considerou máis efectiva foi a de montar todo un sistema calefactor alimentado por pellets. Unha decisión avalada polos bos resultados que está dando esa tecnoloxía no local social de Abade, onde funciona un equipamento similar desde 2017. Así, no proxecto para O Pereiro incluiuse unha caldeira de 30 kW específica para este tipo de combustible que irá colocada no andar inferior do centro sociocultural, aínda que con previsión de que no futuro poida quentar tamén a parte superior. A condución da calor farase por aire a través duns tubos no teito con varios difusores. As vantaxes son múltiples: un caldeo case inmediato, calor que se vai repartir de maneira uniforme en todos os puntos do espazo e un constante movemento do aire que axudará a manter afastada a humidade, ademais de facer do local un sitio máis salubre e agradable.

Os cálculos de toda a instalación fixéronse para un uso dunhas 18 horas semanais entre os meses de novembro a marzo. A conta dá como resultado unhas necesidades de 4.988,6 kWh, o que supón un consumo aproximado de 1.200 quilos de pellets que, co prezo actual, serían uns 325€ para toda a temporada. O sistema permitirá aforrar uns 600€ con respecto ao uso de electricidade e evitará a emisión de 1,9 toneladas de CO2 á atmosfera.

O custe total da infraestrutura térmica é de 9.228,25€ -algo máis de 7.600 euros sen ive-. O Concello solicitou acollerse a unha convocatoria para aforro e eficiencia enerxética do Instituto Enerxético de Galicia que veu aprobada recentemente cun importe asignado de 2.904 €, ive excluído. A axuda económica provén do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional “Unha maneira de facer Europa”, e supón o 38% dos gastos financiables. É dicir, a subvención cobre o 31,4% do custe total -impostos incluídos-, de maneira que o Concello asume con recursos propios o 68,6% restante.